Varela accede a un debate público con Fole ‘cando este cese á súa xefa de campaña’

    VILAGARCÍA> o candidato popular á alcaldía de Vilagarcía, Tomás Fole, recoñecía onte publicamente que se valera da responsable de prensa do concello para convocar un acto de partido. Denunciado pola oposición, o PSOE insistiu hoxe en pedir o cese desta empregada, á que define como ‘xefa de campaña do PP’. O alcaldable socialista Alberto Varela bota en cara a Tomás Fole que recoñeza abertamente ese uso partidista de recursos públicos e colle o lance do popular, que onte retaba á oposición a manter un debate público sobre uso de fondos municipais. Di Varela que poden debater ‘sobre todo’ porque os socialistas ‘levan meses presentando un proxecto para Vilagarcía’, proxecto que ‘estaría encantado –di- de explicarllo a Fole. Lembra o candidato socialista que xa no seu momento lle propuxo manter un debate, e que se ‘nun primeiro momento Fole se agochou’, agora agarda que non dea ‘marcha atrás’. ‘Que cese á súa xefa de campaña para que non cobre dos cartos de todos, e despois, diga que está en disposición de falar abertamente’.