OUTES> Os bos resultados da Feiriña, durante o verán, foron unha das razóns que levou ó executivo outense a deseñar un formato semellante de feira para este Nadal.
A iniciativa terá lugar esta fin de semana, na praza do Bosque.
Alí instalarase unha carpa na que haberá uns trinta expositores, con postos comerciais e de artesanía, que ofrecerán todo tipo de produtos.
A finalidade desta proposta non é outra que a promoción e dinamización económica da vila.
O Concello deseñou ademais outras actividades paralelas, dirixidas especialmente ós nenos, coas visitas de Papá Noel e o Apalpador, obradoiros e actuacións musicais.
Tamén haberá sorteo de agasallos. O horario de apertura da feira será ininterrompido. O sábado de dez da mañá a nove da noite e o domingo de dez a dúas.