BOIRO > A corporación municipal de Boiro celebrará o próximo xoves un pleno de carácter ordinario no que se abordarán, entre outros temas, os proxectos de mellora en varios puntos do litoral boirés. A este respecto, o tenente alcalde do concello, Xoán Xesús Ares, mantivo hai uns días unha xuntanza co Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, para aborda-los proxectos de creación de paseos marítimos nestas zonas.
A orde do día desta sesión plenaria de carácter ordinario inclúe, entre os seus princpais puntos, a resolución dos recursos relativos ó proxecto de recuperación medioambiental do estuario do Río Coroño. Esta actuación sufriu unha importante demora debido ás numerosas alegacións que recibiu. O executivo agarda que, trala adopción de diversos acordos neste pleno, se proceda a axiliza-los trámites para a construción do paseo marítimo de Coroña.
A corporación debaterá ademais as alegación presentadas ó Plan de Mellora do Litoral de Boiro dende o Porto de Escarabote ata Estivada. Polo que respecta ás negociacións para o paseo marítimo de Escarabote, atópanse nunha fase moi avanzada posto que os propietarios xa cederon os terreos afectados.
Non acontece o mesmo coa rexeneración da enseada do Esteiro posto que a modificación no seu planeamento, que será debatida no transcurso da sesión, suporá un retraso no proxecto.
Así mesmo, no pleno abordaranse outros puntos de interese como a aprobación dos consellos parroquiais de Castro e Abanqueiro ou o expediente das obras de ampliación de saneamento en Boiro de Arriba.
Redacción Barbanza