RIBEIRA> Continúa en estado crítico o mozo ferido durante unha liorta durante a madrugada do domingo en Ribeira. A Policía Nacional detivo a tres persoas como presuntos autores da agresión. A investigación continúa aberta.
Segundo varias testemuñas presenciais, antes da agresión os implicados protagonizaron unha pelexa na zona do Malecón onde se celebraba unha festa con discomóbil.
Horas máis tarde, un particular alertaba ó 112 da presenza dun ferido na rúa Diego Delicado, en pleno centro de Ribeira. Rapidamente se desprazaron ata o lugar os efectivos de emerxencias que trasladaron á vítima ata o hospital do Barbanza, onde posteriormente foi derivado ó Clínico de Santiago, para ser operado operado de urxencia posto que presentaba varias feridas de coitelo e un disparo. Trala intervención, o mozo de orixe marroquí de 27 anos, permanece en coma na unidade de críticos e o seu estado é moi grave.
No que respecta ós presuntos agresores foron interceptados pola Policía Nacional en Tui, cando tentaban fuxir cara Portugal. Hai tres detidos, todos eles dominicanos, dous eles como autores da agresión e un deles por encubrimento.
Xa foron trasladados ata Ribeira onde pasarán a disposición xudicial nas próximas horas. Este suceso vense sumar a unha longa lista de episodios violentos rexistrados na capital barbanzá nos últimos meses que non fan máis que incrementar a sensación de inseguridade entre a veciñanza.
Reclaman máis vixilancia para evitar que se repitan sucesos como este e unha maior dotación policial posto que os efectivos son limitados e non poden atender a todo.
Os veciños non están sos nesta demanda posto que o alcalde de Ribeira mantiña esta mesma semana unha reunión con representantes do Sindicato Unificado da Policía na que coincidiron na necesidade de ampliar o catálogo de postos de traballo na comisaría ribeirense.
Ademais de incrementar o número de patrullas na rúa, Manuel Ruíz demanda efectivos especializados na loita contra o tráfico de drogas.
Nos mesmos termos pronunciáronse outros grupos da corporación como o BNG que pide o incremento de axentes na policía local ademais dunha mellor coordinación entre os distintos corpos policiais.
Ante a gravidade dos feitos desta última semana, o concello contactará coa Subdelegación do Goberno para convocar a Xunta Local de Seguridade, algo que tamén demandaron os nacionalistas