O BNG aposta pola recuperación das antigas naves das Xunqueiras

    POBRA> O BNG da Pobra pide a conservación e posta en valor das antigas fábricas de conserva e salazón da zona das Xunqueiras. Consideran que se trata dun dos últimos expoñentes de arquitectura tradicional na vila polo que deberían seguir formando parte do patrimonio histórico da Pobra. Malia estar completamente de acordo co proxecto de rexeneración das Xunqueiras, anunciado polo executivo pobrense, o BNG considera que deberían terse conta outros aspectos á hora de actuar neste entorno de gran valor ambiental. Un deles é a necesidade de conservación das antigas naves que no seu día albergaron fábricas de salazón e que na actualidade están a piques de converterse nunha ruína pola falla de mantemento. Dado que se trata de inmobles protexidos, os nacionalistas propoñen que se acometa unha actuación de recuperación das naves para darlle novos usos. Consideran que o valor histórico e patrimonial destas naves debería ser unha prioridade para o goberno como garante da tradición deste municipio mariñeiro.