VILAGARCÍA> A pesares de que a corporación conseguiu chegar a algúns acordos, a crispación marcou a sesión. Cando menos, iso veñen de denunciar os socialistas vilagarciáns. O alcaldable Alberto Varela insistiu na súa aposta pola participación veciñal, e criticou a aprobación de quince obras por máis de 450.000 euros a menos dun mes de rematar a lexislatura.
Para os socialistas, o último pleno da lexislatura seguiu a dinámica habitual das sesións vilagarciás.
Segundo Varela, esta foi unha das principais queixas que atopou entre os veciños. Por iso insistiu nas súas propostas para canalizar a participación cidadá.
Un exemplo desta falta de relación do executivo cos veciños, aseguran, manifestouse onte no pleno. Pais e nais reclamaron o mantemento da escola unitaria de Bamio; marcharon co apoio de todo o pleno, pero sen medidas concretas. Tampouco coñecerán o futuro da escola ata o mes de xuño.
Ademais das críticas contra Fole pola súa relación cos veciños, Varela acusou ao alcalde de non ter un rumbo claro para a vila. Segundo o alcaldable socialista, as quince obras aprobadas onte por valor de 450 mil euros son unha manobra para camuflar a inactividade do executivo.
O último pleno da lexislatura tamén serviu aos socialistas para despedir a un dos seus concelleiros máis veteranos. Manuel Rodríguez Cuervo deixa a política tras vinte anos formando parte da corporación municipal dentro do grupo socialista, un labor que os seus compañeiros recoñecerán nomeándoo militante de honra na tradicional comida do 1 de maio.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/28/psoe_villa_valora_pleno.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/28/psoe_villa_valora_pleno.mp4{/flowplayer}