O Extrugasa supera con facilidade ó Carmelitas

basket250.jpgVILAGARCÍA> Na Liga Feminina 2, o Extrugasa de Vilagarcía superou onte con facilidade ó Carmelitas, o que lle serviu para resarcirse da derrota do sábado ante o Canarias. Na liga EBA, o Establecimientos Otero Xuventude de Cambados perdeu contra o Marín Peixe Galego.

O Extrugasa, un equipo que loita por meterse na fase de ascenso, resolveu con facilidade a cita que tivo onte en Fontecarmoa co Carmelitas, un equipo que trata de evitar o descenso. O conxunto visitante plantou cara pero só mentres tivo folgos e esta emoción só se deu no primeiro cuarto. No segundo período, as locais aplicáronse en defensa e empezou a correr en ataque, asfixiando ás ourensás.

Chegouse ó descanso con 46-30, pero ó inicio do terceiro cuarto as locais relaxáronse e o Carmelitas acurtou distancias. Pero só foi un susto. O terceiro período acabouse con 63-44 e o cuarto xa foi de trámite. Finalmente o marcador quedou 79 a 61.

O Extrugasa aproveitou este partido para recuperarse da derrota encaixada o sábado pasado en Canarias. Un encontro este que foi moi igualado e que as vilagarciás acabaron perdendo nos últimos minutos por un axustado 67-61.

LIGA EBA

Tamén perdeu o sábado o Establecimientos Otero no encontro de Liga EBA disputado no pavillón do Pombal contra o Marín, por 79 a 93. Os cambadeses deixaron ir un encontro que tiñan controlado e que se truncou ó final do terceiro cuarto.

O Xuven realizou unha boa primeira parte pero na segunda non souberon levar o partido e permitiron a remontada do Marín. Inda así ó descanso o marcador era de 44-33. Pero no terceiro cuarto os marinenses xa estaban metidos no partido e comezaron a meter canastras ata acabar cun 65-72. Ó final o conxunto de Salvo aproveitou para aumentar inda máis esta diferenza ata os 14 puntos que rexistrou o marcador final.

Redacción Salnés