A continuidade do Extrugasa en LF decídese hoxe

VILAGARCÍA> A xunta directiva do Extrugasa reúnese hoxe para tomar unha decisión sobre a súa continuidade na Liga Femenina de baloncesto. A posible renuncia á praza viría dada, claro está, polos problemas económicos. Os mandatarios do club vilagarcián exporanlle ós socios a súa proposta nunha asemblea que terá lugar mañá ás 20:00 da tarde no Auditorio.

Entre hoxe e mañá saberase se o Extrugasa xoga o ano que ven en Liga Femenina, ou ben decide baixar un escalón. Para esta tarde estaba fixada unha reunión dos membros da directiva para tomar unha decisión ó respecto, que mañá lla darán a coñecer ós socios nunha asemblea que terá lugar no Auditorio Municipal ás 20:00.

As dúbidas veñen dadas polos problemas económicos, que volveron propiciar que a entidade pechase o exercicio 2010-2011 con déficit. Pese ó traballo realizado na procura de apoios, o futuro non é esperanzador, tendo en conta que tampouco teñen concretadas as subvencións que van recibir.

No caso de saír en Liga Femenina o presuposto sería polo tanto inferior ó da pasada campaña, un dos máis pobres da categoría, senón o que máis. De renunciar á praza, a saúde económica pasaría ó primeiro plano e non se faría un equipo con miras ó ascenso, senón en base ó aforro do Extrugasa.

De todo o que se decida está pendente tamén Tito Díaz. O técnico xa deixou entrever a súa marcha se o club deixa a máxima categoría. O lucense ten os deberes feitos e preparou unha lista de xogadoras que poderían interesar para conformar o plantel.

Na asemblea de socios, ademais de falar do primeiro equipo, exporanse os plans que se teñen fixados para o desenvolvemento das categorías inferiores.

Redacción Salnés