A ruta do Cabaleiro das Cunchas volverá facer escala en Boiro

    BOIRO> A Ruta do Cabaleiro das Cunchas volverá recalar este ano en Boiro. A organización decidiu repetir escala no corazón de Arousa Norte, como fixera hai dous anos, grazas ás inmellorables instalacións náuticas do municipio cos portos deportivos de Escarabote e Cabo de Cruz. A ruta do cabaleiro das Cunchas nace dunha fermosa lenda que dá orixe ó simbolismo da cuncha de vieira como distintivo dos peregrinos xacobeos. Tomándoa como base, a asociación de amigos da ruta marítima do apóstolo Santiago leva seis anos realizando este percorrido que en cada nova edición suma novas etapas e máis participantes. A ruta deste ano partirá o un de agosto dende a localidade portuguesa de Póvoa do Varzim. Tras varias escalas, o venres día sete recalará en Boiro de onde os participantes desprazarase por terra ata Compostela para asistir á misa do peregrino. De Boiro retomarán a ruta ata finalizar o día oito en Bouzas. Portos de Galicia presta apoio loxístico á organización deste evento coordinando a entrada e o tránsito das embarcacións nos peiraos autonómicos nunha época marcada pola gran afluencia de tráficos portuarios. Así mesmo, o concello de Boiro implícase activamente nesta iniciativa polo seu valor de promoción turística non só no eido náutico senón tamén cultural, dada a súa vinculación co Camiño de Santiago. Prevese que este ano se sumen á ruta preto de corenta embarcacións galegas e portuguesas, moitas máis das quince que inauguraron o itinerario hai agora seis anos.