Vivenda destinará en 2007 dous millóns de euros para o polígono comarcal

    BARBANZA > Vivenda reservará dous millóns de euros, incluidos nos presupostos de 2007, para a financiación do parque empresarial do Barbanza, proxectado entre os concellos da Pobra e Ribeira.

    Os dous millóns que destinará o departamento autonómico, investiranse na redacción dos proxectos sectorial e de urbanización que serán tramitados ó longo de 2007 para a adquisición do solo. As obras de construción do parque, que contará cun millón de metros cadrados, iniciaranse no 2008. Da superficie total, 541 mil metros cadrados serán de uso industrial, 31 mil para equipamentos específicos das empresas, mentres que se reservarán 300 mil metros cadrados para zonas verdes e 124 mil para a construción do sistema viario.

    A implantación deste polígono comarcal forma parte do programa Galiza Suma, desenvolvido pola Consellería de Vivenda en colaboración coa de Innovación e Industria. O obxectivo deste plan é dotar á comunidade galega de vinte millóns de metros cadrados de solo empresarial estratéxico nun prazo de oito anos.

    Para os orzamentos de 2007, Vivenda tamén reserva unha partida de 893 mil euros para a execución da segunda fase do polígono industrial de Espiñeira en Boiro que contará cunha superficie de oitenta mil metros cadrados. Na actualidade, estase a traballar na actualización do proxecto de urbanización que databa do ano 1996. Ademais de acomete-la segunda fase, a Consellería tamén subsanará as deficiencias que arrastra a primeira fase do polígono rematado xa durante o pasado 2001.

    Redacción Barbanza