POBRA/LOUSAME> As últimas listas presentadas foron a da Pobra do Caramiñal e a de Lousame. Nun acto celebrado no restaurante O Trapeiro, a candidata do Partido Popular á alcaldía de Lousame, Teresa Villaverde, presentábase, xunto ós eu equipo, ós veciños. No acto, estivo arroupada por destacados membros do partido, a nivel comarcal e autonómico, entre eles, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Ante un numeroso público, que ateigou as salas do restaurante, a candidata dos populares destacou a súa candidatura, que combina experiencia e renovación, co obxectivo de conseguir un futuro mellor para os veciños do municipio. Tamén aludiu á necesidade de seguir traballando todos xuntos para continuar co traballo ben feito durante estes anos. Éxito tamén de convocatoria a vivida na Pobra. A ocasión non era para menos. Ademais da presentación da nova candidatura encabezada por Manuel Durán, o acto serviu tamén de improvisada homenaxe á persoa que durante os últimos dezaseis anos liderou o partido na localidade, con catro maiorías absolutas: o actual alcalde Isaac Maceiras. Foi un acto emotivo e cheo de mencións ó traballo realizado por este e polo seu equipo á fronte da alcaldía. Un feito este último destacado tamén polo secretario do Partido Popular en Galicia, Alfonso Rueda, quen aludiu a xestión destes anos e a importancia de que o partido poida seguir a partir do 24 de maio o camiño marcado. O alcalde saínte e presidente do partido a nivel local, Isaac Maceiras, fixo alusión na súa intervención a que o futuro da Pobra queda garantido na persoa de Manolo Durán. Pola súa banda o cabeza de lista dos populares á alcaldía pobrense, Manuel Durán, referiuse ó reto que se lle abre no seu camiño. Consciente das dificultades, afirmou sentirse preparado, cun equipo forte, co que tratará de facer as cousas ben e gobernar por e para os veciños.
Inicio Barbanza - Muros - Noia