O alcalde de Boiro non acudirá á inauguración da autovía do Barbanza

    deiraautovia_100_121208.jpgBOIRO >  Xosé Deira anunciou a súa intención de non acudir ó acto de inauguración da autovía do Barbanza previsto para o próximo luns.

    {flowplayer}barbanza/deiraautovia.flv{/flowplayer}

    A pesar da súa postura, o alcalde boirés alégrase de que a autovía xa entre en servizo a partir do luns posto que suporá un importante pulo dinamizador para a comarca.

    Sen embargo, Xosé Deira non está para inauguracións porque os veciños do seu concello resultaron moi afectados polas obras da estrada. A pesar dos reiterados compromisos tanto por parte da empresa como da propia Consellería, a maior parte dos accesos e servizos que resultaron danados aínda non foron solventados.

    Aval bancario

    De feito, o arquitecto municipal vén de elaborar un informe sobre as obras aínda pendentes de executar que ascenderían a preto dun millón de euros. Deira entende que a empresa concesionaria debería presentar un aval bancario para a futura realización das obras posto que existe unha gran alarma social entre os veciños ante a posibilidade de que, unha vez en funcionamento a autovía, os danos queden sen arranxar.

    Por este motivo, o mandatario local decidiu non respaldar o acto inaugural coa súa presenza. Así llo fixo saber ó delegado provincial de Política Territorial, Alberto González, que esta mañá visitou o concello de Boiro.

    Incumprimento dos compromisos

    Deira insistiu na colaboración e tolerancia tanto dos veciños como do concello que en todo momento prestaron o seu apoio para facer posible a autovía. Pola contra criticou a falla de sensibilidade de Sacyr que leva dende marzo comprometendo a realización de obras como unha ponte peonil en Espiñeira ou a canalización de augas en varias zonas de Boiro, sen que ata o momento se teñan iniciado.

    Neste sentido, tamén se amosou molesto coa xestión por parte da Consellería que non foi quen de obrigar á adxudicataria a cumprir coa reposición dos servizos.

    Pola súa banda, o delegado autonómico quixo mandar unha mensaxe tranquilizadora tanto ós membros do goberno local como ós veciños informando de que algunhas deficiencias xa foron subsanadas e que tódalas actuacións comprometidas se levarán a cabo.

    Sen embargo, semella que o alcalde de Boiro está canso de agardar posto que leva dende marzo escoitando as mesmas promesas, ata o de agora, incumpridas. Haberá que ver que actitude adoptan o resto de mandatarios da comarca. Polo momento, o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, ten convocada unha xuntanza cos medios de comunicación para mañá onde dará a coñecer a súa postura ante a inminente apertura da autovía do Barbanza.

    Redacción Barbanza