O cerco acorda un tope semanal de dous mil quilos por embarcación

    BARBANZA> A flota do cerco contará cun cupo semanal de dous mil quilos por embarcación para o xurelo e seiscentos por tripulante. Polo momento, o arrastre non se adherirá ó acordo, formalizado esta mañá na Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca , á espera de solucionar o acordo coa flota portuguesa. As sucesivas xuntanzas sectoriais dos representantes do cerco e a administración autonómica chegaron finalmente a bo porto. Esta mañá acadaban o acordo para o establecemento de topes semanais para as capturas de xurelo: dous mil quilos por embarcación e seiscentos por tripulante. Con esta medida preténdese mellorar a rendibilidade da pesqueiría, estirando a cota ata outubro, ó tempo que se iguala a contía mínima para tódalas embarcacións e se priman os aspectos sociais cos incrementos con tripulante. O acordo, que será recollido nunha orde da Consellería do Mar, entrará en vigor o vindeiro luns e afectará a toda a flota galega do cerco, composta por unhas cento cincuenta embarcacións. En canto ós arrastreiros, que valoran a posibilidade de acollerse a este acordo, non hai nada decidido. Este segmento da flota atópase inmerso en negociacións con Portugal para que as flotas de ambos países poidan faenar en igualdade de condicións polo que non adoptarán ningunha decisión ata chegar a acordo co país luso.