RIBEIRA> O auditorio municipal de Ribeira acolleu a presentación do Censo de Patrimonio Marítimo Inmoble enmarcado no Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030. Trátase dun ambicioso traballo impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Coruña que permitiu a identificación e posta en valor de preto de 1500 bens. Tamén se procedeu á catalogación dos espazos de interese cultural marítimo.
Anos de exhaustivo traballo culminaron nos dous proxectos presentados esta mañá en Ribeira no marco do Plan de Cultura Marítima de Galicia. O primeiro censo do Patrimonio Marítimo permitiu non só identificar senón tamén estudar en detalle preto de 1500 bens patrimoniais ó longo do litoral galego, agrupadas en tres grandes categorías: patrimonio marítimo arquitectónico, etnolóxico e industrial.
A elaboración deste documento pioneiro forma parte do cento de proxectos que recolle o Plan entre os que destaca tamén o inventario de Espazos de Interese Cultural Marítimo, áreas singulares da costa galega nas que destaca a fonda pegada do mar no territorio.
Toda esta exhaustiva información é accesible a través da paxina web do proxecto que inclúe un visor interactivo con información xeorreferenciada. Conta ademais cun espazo de participación activa denominado ‘Achegas’ para recoller novas contribucións.
O obxectivo é incorporar novos documentos a este censo que pretende ser unha ferramenta de utilidade para planificar a xestión integral do territorio de cara ó futuro.











