O concello de Boiro cede a AMBAR un edificio en Praia Xardín para habilitar vivendas inclusivas

BOIRO> O concello de Boiro e a asociación AMBAR asinaron esta mañá un convenio para a cesión dun edificio en Praia Xardín. A entidade habilitará no inmoble seis vivendas sociais con distintos usos que buscan promover a autonomía das persoas con diversidade funcional.

Coa sinatura deste convenio AMBAR inicia o camiño para facer realidade un proxecto no que levaba anos traballando. O concello cederalle o uso deste inmoble, no que se emprazaban as antigas casas dos mestres de Praia Xardín, para habilitar seis vivendas tanto de transición como de emerxencia social.

Tras este primeiro paso, AMBAR traballa agora na implicación doutras administracións e entidades para conseguir fondos que permitan a rehabilitación e equipamento do inmoble para poder dispoñer canto antes deste servizo tan demandado polas familias para seguir a promover a autonomía das persoas con diversidade funcional.

Ademais do convenio con AMBAR, o alcalde destacou outros proxectos que están en marcha nas vivendas dos mestres como a construción do centro de día de AGADEA que xunto coa reforma da praza central suporán unha profunda transformación da zona, emprazada nun entorno privilexiado.