Ampla oferta no ‘Maio Cultural’ da Pobra do Caramiñal

    POBRA> Ó longo de todo o mes de maio desenvolveranse numerosas actividades dirixidas fundamentalmente ós máis pequenos. A edil de Cultura da Pobra do Caramiñal, Encarnación González, foi a encargada de presentar esta mañá as actividades que se desenvolverán ó longo deste mes co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o vindeiro domingo 17 de maio. Aínda que algunhas delas xa comezaron, como é o caso da exposición fotográfica da EVA 10 que pode visitarse ata finais de mes na casa de cultura Raquel Fernández Soler, o grosso do cartel aínda está por desenvolverse. Unha delas terá lugar precisamente este próximo xoves, dirixida ó público infantil. Será a ‘Festa do Galego’ a partir das cinco e media da tarde no Parque do Castelo. O venres 15 de maio ás oito e media da tarde no auditorio do museo Valle-Inclán presentarase a guía de ‘Persoeiros da Cultura. Arousa Norte’ de Xoán Pastor Rodríguez. A música tradicional tamén terá cabida na programación do ‘Maio Cultural’ pobrense. Dúas actuacións para escolares, a primeira delas a cargo do grupo de Teatro do Miolo coa obra ‘Catro Tempos’ o día 21, ás once da mañá, no auditorio do Lagar, e a segunda, o concerto de Paco Nogueiras en dúas xornadas o xoves 21 e o luns 25, tamén ás once no lagar, porán o peche este ano á programación deseñada para conmemorar o mes das letras.