Ribeira disporá dun viveiro de empresas

    RIBEIRA> Concello, Cámara de Comercio de Santiago e Fundación Incyde asinaron un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha desta iniciativa. O concello de Ribeira asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación Incyde que posibilitará a creación dun viveiro de empresas no municipio, orientado a fomentar iniciativas empresariais e completar o tecido empresarial da comarca con novas estruturas tecnolóxicas e organizativas. O acordo entre as tres entidades comporta un investimento duns 385 mil euros, dos cales un 80% están financiados con cargo a fondos europeos FEDER e o 20% restante será aportado polas arcas municipais. Precisamente o alcalde, Manuel Ruiz, sinalou que o viveiro de empresas estará situado na terceira planta do edificio que alberga actualmente a Unidade do Servizo de Drogodependentes, en Coroso, coa previsión de que o proxecto poida iniciarse xa en agosto. O viveiro estará enfocado cara o sector servizos, e poderá dar cabida a unhas 15 ou 20 empresas que estarán funcionando simultaneamente co apoio técnico especializado da Cámara de Comercio de Santiago. Dende esta entidade, así como dende a Fundación Incyde, destacaron a importancia desta iniciativa O concello ribeirense será o encargado de administrar e xestionar este viveiro de empresas e a Cámara de Comercio de Santiago desenvolverá labores de titoría dos proxectos que se instalen no mesmo, ofrecendo ademais asesoramento técnico ós emprendedores e empresarios, ademais de exercer funcións de xestión e apoio á nova infraestrutura.