Goiáns acollerá a quinta edición da Romaría das Letras

    BOIRO> Un ano máis, o concello de Boiro e a asociación cultural Barbantia colaborarán na celebración do Día das Letras Galegas. Mentres nas rúas peonís haberá actividades, dirixidas principalmente a nenos, o pazo de Goiáns volverá encherse de vida coa quinta edición da Romaría das Letras. As actividades para conmemorar a figura de Xosé Filgueira Valverde comezarán ás once da mañá coa saída da biblioteca municipal á rúa. Haberá lecturas e recitais a cargo dos alumnos de primaria así como un certame de marcapáxinas e un concerto. Paralelamente, o Pazo de Goiáns converterase durante toda a xornada no epicentro das letras galegas no Barbanza. Haberá xogos tradicionais, actuacións de música e baile, teatro e unha exposición fotográfica sobre Xosé Filgueira Valverde. Pero ademais de facer unha lembranza do escritor homenaxeado este ano a romaría pretende ir moito máis aló reivindicando a cultura viva, presente e futura. Está previsto que as actividades cheguen á súa fin cara as dez da noite, tralo concerto da banda de música municipal de Lousame.