CxG propón a creación dunha axencia de desenvolvemento local en Outes

    OUTES> Compromiso por Galicia presentou o seu programa electoral para o concello de Outes no que tentarán promover o desenvolvemento económico que favoreza o asentamento de poboación. Nesta mesma liña traballarán polos servizos sociais, a transparencia e a participación cidadá á hora de priorizar os investimentos. Dende Compromiso por Galicia atribúen a perda de poboación experimentado por Outes ó longo dos últimos anos á falla de políticas económicas encamiñadas á creación de emprego. Para combatelo, propoñen a creación dunha axencia de desenvolvemento local para prestar asesoramento ás novas iniciativas empresariais. A transparencia na xestión pública será outro dos piares básicos da formación que se compromete a publicar periodicamente as retribucións dos cargos electos así como a forzar a dimisión dos que puideran estar inmersos en procesos xudiciais. A implicación activa da cidadanía na política local realizarase a través da elaboración duns presupostos participativos cos que priorizar os investimentos en cada parroquia, defendendo a necesidade de manter as infraestruturas xa existentes en lugar de novas construcións que non sexan precisas. Os servizos sociais ocupan tamén un lugar destacado no programa de Compromiso que, plantexa, entre as súas primeiras medidas a posta en marcha dunha escola infantil.