Noia contará cun parque cuberto na zona de Labarta

    NOIA> O concello de Noia converterase nun dos primeiros de Galicia en contar cun parque infantil cuberto. O executivo deseñou un proxecto para instalar unhas cúpulas sobre a zona de ocio infantil de Labarta, permitindo o seu uso durante os días de chuvia. Os nenos de Noia contarán, en aproximadamente dous meses, dun novo espazo no que poder xogar durante todo o ano independentemente das condicións meteorolóxicas. O concello investirá cento vinte mil euros na colocación dunha cuberta na zona de ocio infantil de Labarta. O proxecto, actualmente en fase de contratación, contempla un orixinal deseño en forma de cúpulas que serán construídas en vidro e ferro galvanizado, permitindo a entrada de luz e a visión dende o exterior. Ademais da execución da cuberta, que será financiado integramente polo concello con cargo ó remanente do pasado exercicio, a Deputación da Coruña achegará tamén unha partida para realizar melloras no parque. O ente provincial destinará corenta mil euros á instalación de chan homologado de caucho.