Arousa Norte esixe unha rectificación a Cuatro

    Normal 0 21 false false false MicrosoftInternetExplorer4

    POBRA> A corporación municipal ao completo, apoiados polo resto de alcaldes de Arousa Norte, esixiron unha rectificación inmediata por parte de canle de televisión Cuatro, en horario de máxima audiencia, dos contidos emitidos nunha reportaxe o pasado martes.

     

    Consideran que as informacións verquidas sobre esta zona son calumnias e difamacións. Están dispostos a acudir aos tribunais para defender a imaxe da comarca. A indignación no Barbanza é tal ante este asunto, que poucas veces se ve un acordo tan sólido e unánime entre os membros dunha corporación municipal e comarcal. Representantes de tódolos partidos con representación na Pobra, PP, PSOE e BNG; así como os alcaldes e  representantes do resto de concellos de Arousa Norte, Rianxo, Boiro e Riveira, acompañaron esta mañá ao alcalde pobrense, Xosé Lois Piñeiro, na lectura do comunicado conxunto. Néste amósase a repulsa dos comparecentes polas calumnias e difamacións emitidas pola canle nacional Cuatro, segundo dín, nunha reportaxe sobre o Caso Diana Quer, na que se daba unha imaxe da ría de Arousa que non se corresponde coa real. Por estes motivos, continúa a comunicado, os membros da corporación, facéndose eco da xustificada indignación dos veciños e veciñas da Pobra, desmenten categoricamente os infundios contidos deste programa,  e esixen unha rectificación inmediata, da Cadea Cuatro, en horario de máxima audiencia.   O asunto está xa en mans de avogados, e Piñeiro asegurou que de non cumprirse a rectificación esixida, procederán a tomar as medidas legais oportunas. Posto que na reportaxe, se fai referencia á totalidade da Ría de Arousa, como foco dunha criminalidade disparada, Piñeiro explicou que os concello da Illa de Arousa e Cambados tamén se unen a esta petición de rectificación, así como agarda que o fagan o resto de concello da Arousa Sur. O alcalde quixo tamén dirixir unhas palabras en relación ao resto de compañeiros xornalistas, aos que respecta e facilita axuda en todo momento. Como vicepresidente da Mancomunidade, Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, quixo deixar patente o forte agravio que supuxo este feito para toda a Ría. O alcalde boirense, pola súa banda, quixo aproveitar para dar conta do desenvolvemento económico da zona, moi lonxe, como explicou, de estar vinculado co narcotráfico, tal e como se facía ver no programa “En el punto de mira”. Está previsto que esta noite o concello da Pobra leve a Pleno este asunto, e presente unha declaración institucional. Cando se cumpren 38 días desde a desaparición de Diana Quer, continúa sen haber pistas fiables do seu paradoiro, pero a especulación e a polémica continúan arredor do caso, e salpicando e indignando nesta ocasión, ás tranquilas poboacións da Arousa Norte.