Conclúe o curso de atención sociosanitaria de Ribeira

    RIBEIRA> Os alumnos e alumnas, que pertencen á comarca do Barbanza, buscan ampliar as súas posibilidades laborais.

    Tras cinco meses de dedicación e formación no ámbito da atención sociosanitaria, os alumnos e alumnas deste curso impulsado polo concello de Ribeira reciben o seu recoñecemento. Manuel Ruíz e o concelleiro de emprego, Anxo Orellán, entregaron a 11 mulleres e 2 homes os certificados que acreditan a súa capacitación profesional. Este curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, xa vai pola súa 5ª edición e a súa boa acollida deixa entrever que se seguirá a realizar. Co título en man, os alumnos están agora en condicións de solicitar á Xunta un certificado de profesionalidade que lles permita desenvolver este traballo. O alcalde de Ribeira expresou o seu desexo de que este recoñecemento lles reporte maiores expectativas a nivel laboral. O rexedor fixo fincapé na aposta do actual goberno pola formación, especialmente no sector servizos, debido a importancia do turismo na nosa comarca, e tamén no ámbito dos servizos sociais.