A conselleira do Mar recibe aos participantes da Travesía Náutica Xacobea 2022

PORTO DO SON> A expedición, que partiu dende o porto de Barbate, en Cádiz o pasado 28 de maio, pretendía chegar a última hora da tarde de hoxe a Compostela, despois de realizar xa a pé a última etapa do Camiño.

Despois de dezasete días de navegación, os sete veleiros que participaban na Travesía Náutica Xacobea dende a costa andaluza chegaban este mediodía ás instalacións do Real Club Náutico de Portosín.

Con anterioridade xa realizaran diversas escalas noutros portos galegos como é o caso de Baiona, Portonovo ou Ribeira.

No Náutico sonense foron recibidos pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, entre outras autoridades.

A titular de Mar agradeceulles a súa participación na experiencia e animounos a converterse en embaixadores do Camiño de Santiago por mar en todo o mundo, difundindo tódolos atractivos que ofrece a costa galega.

Encabezando a comitiva andaluza, atopábase o director comercial de Puertos de Andalucia, Rafael Montero, que destacou a importancia desta travesía marítima, que agarda vaia cobrando maior protagonismo nos próximos anos.

Despois da recepción oficial nas instalacións do Náutico, e un xantar de confraternidade, no que non faltou a sardiña, un dos emblemas da nosa gastronomía, a comitiva emprendía viaxe ata Santiago, coa intención de completar xa a pé a última etapa do Camiño, ata a praza do Obradoiro, para recoller a Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí