Feijóo arroupa ós candidatos populares do Barbanza

    RIBEIRA> O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, participou no mitin central dos populares de Ribeira. O acto electoral desenvolveuse nun ateigado pavillón polideportivo da Fieiteira coa presenza de máis de 500 persoas. O calor abafante non foi escusa, rexistrándose un cheo absoluto no pavillón da Fieiteira para asistir ó mitin central do Partido Popular en Ribeira. Arroupando ó candidato, Manolo Ruíz, e á súa candidatura, a plana maior do partido, co seu presidente á cabeza, Alberto Núñez Feijoo. A súa intervención este último destacou o traballo realizado por Ruíz á fronte da alcaldía ribeirense nestes últimos catro anos, razón máis que suficiente, segundo el, para volver a darlle a confianza. Pola súa banda o candidato Manuel Ruíz fixo referencia tamén ó labor realizado nestes catro anos, con importantes obras como é o caso da nova lonxa, o novo mercado ou as sendas peonís e paseos marítimos, continuando a liña de transformación do municipio. O PP da Pobra do Caramiñal tamén celebrou un multitudinario acto electoral esta pasada fin de semana. Foi en Sanisidro, coa presenza da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, ou a delegada do Goberno na provincia da Coruña, Belén do Campo. Todos eles fixeron alusión ó traballo realizado nestes últimos dezaseis anos de goberno do PP á fronte da acaldía, da man de Isaac Maceiras. Un labor que agardan poida volver a continuar o actual candidato, Manolo Durán. Para eles o mellor candidato posible de tódolos que se presentan, co que a Pobra poderá seguir mirando o futuro.