O PP da Pobra favorecerá a contratación das persoas censadas no concello

    POBRA>O PP da Pobra promoverá a creación de emprego a través de convenios coas empresas asentadas na Tomada. A intención dos populares é favorecer a contratación de cidadáns censados na Pobra. Pola súa banda, os populares boirenses centrarán esforzos na educación, a xuventude e o deporte. Tras executar a ampliación da Tomada, na que máis da metade de parcelas están xa vendidas, o PP da Pobra buscará agora novas fórmulas para mellorar a empregabilidade dos residentes no municipio. Nesta mesma liña, seguirán a apostar pola implantación de empresas cunha terceira fase de ampliación do polígono. Deporte, xuventude e educación son tres piares fundamentais no programa do Partido Popular de Boiro. O actual alcalde e candidato á reelección por esta formación política, Xoán Xosé Dieste, aposta de novo pola creación de novas infraestruturas deportivas nas distintas parroquias do concello, seguindo a liña desenvolvida ó longo desta pasada lexislatura, na que se investiron preto dos cinco millóns de euros en deportes. Tamén aposta pola dotación de herba artificial ós campos de fútbol que aínda non teñen, como é caso de Lampón, Abanqueiro e Valiño ou a construción dunha nova instalación polivalente para remo e piraguismo. Tamén aumentará as axudas para bolsas, a entidades sociais, a clubs deportivos e a asociacións culturais e veciñais, promocionará o emprego coa creación de novos obradoiros e apoiará iniciativas de creatividade dos mozos. En canto á infancia incrementará o número de actividades, dotarase de novos parques infantís e seguirá a traballar na mellora e renovación dos distintos centros educativos.