Seiscentos pequenos atletas participarán no Campionato Galego de Clubs

    RIBEIRA> Máis de seiscentos rapaces daranse cita no campionato galego de atletismo que se desenvolverá mañá en Ribeira. As probas comezarán ás dez e media da mañá na pista da Fieteira e prolongaranse ata as oito da tarde. Este campionato galego de clubs por equipos supón unha das probas de deporte base máis importantes que acolle o concello de Ribeira. Na competición participarán máis de seiscentos rapaces das categorías benxamín, alevín e infantil que dende as dez e media da mañá disputarán diversas probas na pista de atletismo da Fieteira. Haberá un descanso de dúas horas a mediodía pero a partir das catro e media retomarase a competición ata pasadas as oito da tarde. A competición está organizada polo concello e o club de atletismo Santa Uxía en colaboración coa Federación Galega de Atletismo. A importante implicación dos deportistas do club que colaborarán na organización como voluntarios fai posible que se poida celebrar unha proba desta magnitude xa que mobiliza a moitos deportistas. Precisamente o obxectivo do club é seguir a promover o deporte base acollendo competicións deportivas para a canteira do futuro atletismo.