O PP quédase ás portas da maioría absoluta en Noia

    MUROS/NOIA> En Muros vislúmbrase tamén un panorama de complexa gobernabilidade ó quedar moi repartidos os votos entre as catro formacións políticas que se presentaban. Os 3.424 votos obtidos onte polo Partido Popular de Noia non lle chegan á candidatura encabezada por Santiago Freire para conseguir a ansiada maioría absoluta. A pesar de ser a forza máis votada, os populares quedáronse a unicamente 38 votos dese noveno edil, alonxándoos da alcaldía. A pesar da baixada que tamén experimentou o PSOE con respecto ós pasados comicios, pasa de seis a catro edís, o candidato Miguel Paz amosouse moi optimista ante a posibilidade dun pacto de goberno que lle permitiría seguir conservando a alcaldía noiesa. O NOIA mantén os dous edís conseguidos en 2011, polo que non se descarta a reedición dun novo pacto. O BNG é sofre tamén unha baixada significativa no número de votantes, pasando de dous a un edil. E irrompe con forza Marea, que pasa de non ter representación a contar con dous edís na corporación. Outro dos concellos da comarca nos que estará centrada a atención estas próximas semanas é Muros. O PP con nova candidata, Inés Monteagudo segue a ser a forza máis votada, aínda que baixa de seis a catro edís. A actual alcaldesa, a socialista Caridad González, conserva os catro concelleiros de 2011, aínda que deberá chegar a entendemento con outras forzas para poder gobernar. O BNG baixa de tres a dous e vese superado por CxG que se converte na terceira forza neste concello con tres edís. Polo que respecta ó resto de concellos desta comarca destacar a maioría absoluta conseguida polo PP de Porto do Son. O único concello da zona na que soben os conservadores, pasando de seis a sete concelleiros. Neste concello o PSdeG e o BNG sofren unha pequena baixada de tres a dous edís e entra na corporación unha nova formación PortoDos, xurdida dunha excisión dentro do PP tras a marcha de Asunción Torres. O Partido Popular seguirá a gobernar en Lousame e Outes. No primeiro dos concellos Teresa Villaverde conserva a maioría absoluta, aínda que baixa dous concelleiros, de oito a seis. O resto de partidos queda do seguinte xeito o PSdeG sube de dous a tres o BNG mantén o mesmo número de edís que en 2011, un, e entra na corporación unha nova formación, neste caso o Partido da Terra, con un edil. Igual situación en Outes, onde o actual alcalde Carlos López Crespo revalidou por sexta vez consecutiva a maioría absoluta neste concello no que leva gobernando dende o ano 1995, aínda que baixa de nove a oito edís. O PSdG pasa de tres a un, o BNG queda sen representación e entra con forza CxG, a lista que encabeza Manuel González, con catro concelleiros.