O CD Boiro xa planifica a nova tempada

BOIRO> Varias semanas despois do remate da tempada , e coa salvación xa asegurada, a directiva boirense iniciará de inmediato os contactos con aqueles xogadores da plantilla ós que lle interesa renovar. Con momentos de gran xogo, coma os encontros que o levaron a proclamarse campión autonómico da Copa Federación, e outros, pola contra de baixa calidade, o Club Deportivo Boiro puido cumprir finalmente o seu obxectivo e manterse un ano máis na Terceira División. Aínda así o equipo a inicio de tempada marcábase outros retos, como o de repetir o éxito da campaña anterior e acabar a liga entre os catro primeiros. Aínda que posteriormente os altibaixos no xogo fixeron cambiar de idea. O Club xa prepara a próxima tempada. Nas próximas semanas a directiva iniciará os contactos cos xogadores de cara a conseguir a continuidade de boa parte da actual plantilla e iniciar posteriormente a incorporación de novas fichaxes. A súa intención é sentarse tamén co actual adestrador, Rubén López, un dos artífices do logro da permanencia, aínda que non está seguro de que sexa o adestrador do CD Boiro para o inicio de tempada. O que si parece clara e a continuidade da actual xunta directiva. A súa intención pasa por continuar tres anos máis á fronte do CD Boiro, cumprindo así o compromiso adquirido no seu día cos socios.