O xulgado investiga a residencia de Ribadumia por un posible homicidio imprudente

RIBADUMIA> O Xulgado nº 3 de Cambados abriu unha investigación para ditaminar si a residencia de maiores de Ribadumia cometeu un homicidio imprudente en relación co finamento de unha das súas internas. O xulgado de Cambados acaba de abrir unha investigación para esclarecer se no finamento dunha interna, da residencia de maiores de Ribadumia se produciu un homicidio imprudente. O 10 de agosto de 2017, a muller caeu da súa cama. A enfermeira de garda e dous coidadores volveron a deitala. Unhas catro horas despois atopárona manchada de vómito, polo que foi derivada ao Hospital do Salnés, onde os equipos sanitarios nada puideron facer por salvala.
A familia da finada interpuxo unha denuncia por homicidio imprudente e o xulgado decretou o inicio das dilixencias, que deron comezo este venres coas declaracións da directora do centro e o persoal que atendeu a muller aquela noite.
Dende a empresa Geriatros, encargada da xestión da residencia afirman que cumpriron o protocolo asistencial. O avogado da familia, sinala que tan só había unha enfermeira e dous xerocultores para os 150 residentes que había na residencia naquel momento.
Os tres traballadores do centro recoñecen que tras a caída pasaron unha vez por hora ata as 7 da mañá pola habitación da muller, e que esta durmía tranquilamente.
A muller faleceu catro días despois do seu ingreso no Hospital do Salnés. Debido as circunstancias o xulgado autorizou a autopsia, que concluíu que a causa do falecemento foi unha hemorraxia, polo que a familia cree que se produciu un homicidio por imprudencia.