O socialista Rey deixará o partido, pero non a alcaldía, de ter que ir a xuízo

    CALDAS> O socialista Juan Manuel Rey acariñou a maioría absoluta. Un só voto separa ao rexedor dos sete edís que lle permitirían gobernar comodamente en solitario. Si que as conseguiron os actuais rexedores de Catoira e Valga, que seguirán no cargo catro anos máis. Pontecesures e Portas deixaron boas novas para o Partido Popular. Non así en Barro, unha das sorpresas da noite: o popular José Antonio Landín perde a maioría e podería deixar a alcaldía despois de cinco mandatos.

     

    Os seis concelleiros socialistas de Caldas serven ao partido para gobernar, pero o deixan ás portas da maioría absoluta. Un só voto separou a Juan Manuel Rey, que se consolida á fronte do concello caldense a pesares da orde de apertura de xuízo oral que hai contra el por malversación de caudais públicos.

    Ao igual que en gran parte da comarca, a noite de onte non acompañou ao PP de Caldas, que pasa das 7 actas de 2011 a catro. Os independentes quedan con dous concelleiros, mentres que o BNG só terá un representante na corporación.

    Unha das sorpresas da noite chegou dende Barro. José Antonio Landín gaña a alcaldía, pero perde a maioría absoluta por un edil. Despois de cinco mandatos seus e co PP á fronte do concello dende a fundación do partido, BNG e PSOE poderían arrebatarlle a alcaldía: ambas formacións xuntan seis actas, unha máis que Landín.

    Quen si revalidaron a alcaldía con maiorías foron os rexedores de Catoira e Valga. O socialista Alberto García e o popular José María Bello, volveron recibir o apoio maioritario dos veciños dos seus concellos.

    En Portas, o Partido Popular presentábase sen Roberto Vázquez á cabeza por primeira vez en seis convocatorias. Os populares foron a lista máis votada, pero con catro escanos a formación empatou con Vázquez, actual rexedor escindido do PP. A lista unitaria polo BNG do exsocialista Santiago Carballo, só acadou os tres edís. Queda por ver se os populares gobernarán en solitario ou buscarán o acordo con Vázquez.

    Outro escenario aberto é o de Pontecesures. O PP convértese na forza máis votada con tres concelleiros, pero BNG, Terra Galega, Independentes de Pontecesures e PSOE empatan con dous edís cada un.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/caldas_resultado_eleccions.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/caldas_resultado_eleccions.mp4{/flowplayer}