A campaña da vieira cumpre as expectativas en canto a calidade e cantidade

    SALNÉS > O último luns de febreiro comezaba a campaña da vieira, que no caso de que o tempo continúe frío, se podería prolongar ata mediados de abril. Ata o Porto de Tragove, en Cambados, chegaron o primeiro día 4000 quilos de producto capturados polos 150 tripulantes das 50 embarcacións que saíron a faenar neste primeiro día. En Vilaxoán ubícase a única empresa comercializadora.

    A pesar de que a campaña comeza tarde, a calidade da vieira está garantida. A satisfacción en canto á calidade de producto é notoria no porto cambadés. Saíron 50 embarcacións, despois de once meses de espera.

    O plan de explotación establece que cada mariñeiro pode capturar un máximo de 25 quilos de vieira, o que supón 75 por embarcación, co que o primeiro día de campaña, o 27 de febreiro, capturáronse 4000 dos 5000 quilos diarios estimados pola Cofradía. As dúas empresas autorizadas para a evisceración e comercialización pagan o quilo deste marisco a 4’50 euros, mantendo así os prezos de campañas anteriores, tralas condicións aceptadas por armadores e mariñeiros.

     As empresas comercializadoras volven ser, un ano máis, Vieira de Galicia e Pereira Productos del Mar. Esta última recibirá o producto xa limpo, tralo acordo alcanzado e ante a imposibilidade de realizar todo o proceso na súa nave de Vigo tras un incendio sufrido hai meses.

    Vieira de Galicia é, por tanto, a única empresa encargada do eviscerado e a súa posterior distribución nos mercados. Na nave de Vilaxoán descárgase unha media diaria de 4000 kg de producto procedente do porto de Tragove. Así comeza o proceso. Trala descarga de producto, entran á piscina, na que permanecen depurándose un mínimo de 24 horas en auga salgada con cloro, en cantidades estipuladas por Sanidade. Un total de 40 persoas repártense en dúas quendas de luns a venres, de 7 da mañá a 3 da tarde e de 3 a 11 da noite, anque agora traballan en función da campaña extractiva. Tralas 24 horas de depuración, o producto pasa á sala de evisceración, onde se retira o sobrante e se deixa suxeita nas cunchas a vianda e a gónada. Deste xeito, a vieira queda libre de toxina e completamente limpa, anque para unha maior seguridade, a empresa Vieira de Galicia e o Intecmar realizan diariamente as análises oportunas de cada lote. O control sanitario é moi exhaustivo, de forma que o producto final chegue ó mercado coas maiores condicións hixiénico- sanitarias. De aquí sairá directamente ó mercado totalmente limpa, sen ningunha manipulación. A etiqueta ponse de forma individual e contén toda a información para o cliente final: o rexistro sanitario, a procedencia, o proceso de eviscerado e limpeza ó que foi sometida, etc. Estamos xa no final do proceso, no que o producto é preparado para a súa distribución nos mercados. Cada lote ten unha numeración diaria, que aparece reflectida na etiqueta final, na que tamén se aportan datos como a temperatura de conservación, o código de barras – diferenciado por as tallas, pequena, mediana, grande ou especial-, a fecha de envasado e o consumo preferente, etc.  Finalmente, unha media de 25 pezas por caixa -de material porexpán- están xa listas para ser distribuídas entre os clientes.

    Redacción Salnés