Louzán non estará na Deputación se un pacto PSOE-BNG obrígao a deixar a presidencia

PONTEVEDRA> Se non ocupa a presidencia da Deputación, tampouco estará na oposición. Así o anunciou esta mañá o presidente en funcións, Rafael Louzán. De cumprirse os prognósticos, un pacto entre PSOE e BNG sentará á socialista Carmela Silva no sillón que durante os últimos 12 anos ocupou Louzán.

 

O Partido Popular prepárase para a perda da Deputación provincial. A baixada de 17 a 12 deputados fai case imposible a continuidade dos populares á fronte deste goberno: as 10 actas do PSOE, as 4 do BNG e a das Mareas, son suficientes para desbancalos. Se non ocupa a presidencia, Rafael Louzán xa anunciou que non estará na vindeira corporación. 

Aínda que dende as tres principais formacións se pide cautela, xa case se da por feito o pacto entre nacionalistas e socialistas. Un acordo que poría fin a 12 anos de goberno de Rafael Louzán, e que situaría por primeira vez na historia da democracia a un presidente non popular á fronte da Deputación.

Ante esta posibilidade, Louzán adiantou hoxe que o seu sucesor contará con todo o seu apoio no traspaso de poderes.

O aínda presidente en funcións da Deputación tamén tivo palabras para os que critican a institución. Louzán pediu coherencia a aqueles que piden a desaparición destes organismos.

Os socialistas celebraron hoxe un encontro da executiva galega. O xoves será a provincial a que se reúna para definir o camiño que seguirán neste novo escenario, e que podería sentar á socialista Carmela Silva na presidencia da Deputación de Pontevedra.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/26/deputacion_pontevedra_26052015.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/26/deputacion_pontevedra_26052015.mp4{/flowplayer}