LOITA traslada ao delegado da Xunta as súas reclamacións para que se respecten os dereitos dos menores na sanidade

PONTEVEDRA> Novo avance da plataforma Loita, que naceu para reivindicar os dereitos dos menores na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Esta mañá foron recibidas polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Agustín Reguera escoitou algunhas das súas reclamacións, que pasan por mudar os protocolos das cesáreas que se practican en Galicia para que a muller poida contar cun acompañante. Esta demanda foi votada onte no Parlamento galego, que aprobou por unanimidade instar á Xunta a elaborar unha guía que permita esta compaña.

A plataforma LOITA está decidida a facer honra do seu nome. Catro meses despois do seu nacemento xa conseguiu dar importantes pasos cara o seu obxecitvo: que se respecten os dereitos dos menores e das nais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Hoxe as representantes da plataforma foron recibidas polo delegado da Xunta en Pontevedra. Trasladaron a Agustín Reguera algunhas das súas reclamacións, que pasan por mudar os protocolos das cesáreas que se practican en Galicia.

A este respecto, onte conseguiron unha importante vitoria no Parlamento de Galicia. Foi aprobada por unanimidade unha proposición non de lei para instar á Xunta a elaborar unha guía que permita ás mulleres estar acompañadas durante unha cesárea.

Isto no referente aos partos, pero non é a única loita desta plataforma. Tamén centran a súa atención nos incumprimentos dos protocolos que se aplican no servizo de Atención Temperá do Hospital Provincial de Pontevedra. A finais de setembro foron recibidas por parte do equipo directivo do CHOP.

Levan tan só catro meses de andaina pero as portas vanse abrindo para as representantes da plataforma. Están decididas a levar ata o final as súas reclamacións para mellorar as prácticas sanitarias. Que ninguén máis teña que pasar o que elas viviron e que prendeu a chispa da súa LOITA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí