Cidadáns quere que Pontevedra sexa unha cidade pioneira na loita contra o cambio climático

PONTEVEDRA> O grupo local de Cidadáns levará ao vindeiro pleno municipal o debate sobre o cambio climático. O fará a través dunha moción na que pedirá ao resto da corporación que se una á Declaración de Emerxencia Climática. A intención de Goyo Revenga é que Pontevedra sexa unha cidade pioneira na loita efectiva contra o calentamento global.

Reducir nun 50% a emisión de gases de efecto invernadoiro, fomentar o autoconsumo enerxético, potenciar sistemas de recollida eficientes, facer unha xestión responsable da auga e de todos os ecosistemas e evitar a despoboación nas parroquias potenciando a economía local. Esa é a folla de ruta marcada polo grupo municipal de Cidadáns para facer de Pontevedra un referente no desenvolvemento sostible. Con estes obxectivos enriba da mesa, o voceiro da agrupación laranxa, Goyo Revenga, levará ao vindeiro pleno unha moción na que pedirá ao resto da corporación que se una á Declaración de Emerxencia Climática.

Esta moción, que foi presentada por urxencia en xullo pero que foi posposta finalmente a setembro polo alcalde, non será a única moción que presentará no pleno a agrupación laranxa. Goyo Revenga instará ao goberno a constituír e a poñer en marcha un Consello Municipal de Deportes co obxectivo de fomentar a actividade dos clubs pontevedreses.

Goyo Revenga aproveitou a presentación destas mocións para facer unha valoración dos primeiros meses de mandato. O voceiro de Cidadáns en Pontevedra asegura que aínda queda moito traballo por facer en temas como a limpeza na cidade ou a visibilidade e a sonoridade nos concertos das Peregrinas e denuncia a falta dun goberno único.

A pesares destas críticas, o representante de Cidadáns asegura que nos vindeiros 4 anos fará unha oposición construtiva centrada en buscar o mellor para a cidade e para os pontevedreses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí