Xosé Vicente Domínguez estréase no mundo da literatura infantil

    RIBEIRA> O escritor ribeirense Xosé Vicente Domínguez estréase na literatura infantil co libro de relatos ‘Historias de Issia’. A inspiración para chegar ó público máis novo parte da súa neta, a auténtica impulsora desta publicación. Aínda que Xosé Vicente Domínguez conta xa coa veteranía que dan oito libros publicados, a presentación de Historias de Issia supón toda unha novidade para o escritor ribeirense que se estrea no mundo da literatura infantil. O que nun principio parecía tarefa sinxela tornouse nun reto para o autor, especialmente pola necesidade de adaptar a linguaxe a un público tan esixente como o infantil. A experiencia foi do máis gratificante dada a boa acollida deste conto que Domínguez vén de presentar no colexio de Palmeira. Sen embargo, non ten pensado facer novas incursións na literatura infantil. Aínda que nunca se sabe dada a versatilidade deste polifacético escritor. O próximo traballo que verá a luz de xeito inminente leva por título Haití Cherie, unha visión moi persoal sobre o país máis probe de América no que o escritor pasou varios anos da súa vida.