O Consello Galego de Pesca apoia a folla de ruta de Mar para afrontar o Brexit

BARBANZA> O pleno do Consello Galego de Pesca aprobou por unanimidade a folla de ruta da Consellería do Mar tralo Brexit. O primeiro paso será a elaboración de dous informes, un técnico e outro xurídico, sobre os efectos da aplicación do acordo no sector pesqueiro galego.

Na sesión extraordinaria, celebrada por videoconferencia, a Conselleira do Mar debullou a estratexia deseñada pola Xunta para defender os intereses do sector pesqueiro galego tralo acordo do Brexit. Terá como base os dous informes encargados polo goberno automómcio sobre o impacto do acordo na flota galega; un técnico-administrativo elaborado pola Fundación MarInnLeg sobre as consecuencias sobre a a actividade extractiva e a comercialización dos produtos pesqueiros, e outro encargado ó Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña polas súas implicacións xurídicas.

Unha vez concluídos os dous documentos, convocarase un novo pleno do Consello para constituír un grupo de traballo e analizar os pasos a seguir.

A Xunta solicitará tamén unha reunión coa directora xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para trasladarlle o impacto socioeconómico do acordo en Galicia. Un acordo que a Consellería valora de forma moi negativa pola redución das posibilidades de pesca tanto no Gran Solo como no caladoiro do Cantábrico Noroeste.

A isto súmanse outros aspectos negativos posto que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas europeas. Reino Unido non terá tampouco que aplicar medidas de redución do esforzo pesqueiro e mesmo podería incrementar as súas posibilidades de pesca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí