Ruíz propón un ‘goberno estable’ fronte a un hipotético cuatripartito

    RIBEIRA> Un dos concellos que presenta maior incerteza tralo resultado das eleccións é o de Ribeira. A perda da maioría absoluta do PP e a irrupción dunha nova forza política, Ciudadanos, abre a porta a moitos posibles escenarios. Tres días despois do veredicto das urnas, aínda é unha incógnita quen gobernará no concello de Ribeira. A forza máis votada, o PP, con nove concelleiros, non acadou a maioría suficiente para gobernar en solitario. O seu candidato e alcalde en funcións, Manuel Ruíz, está disposto a buscar o apoio dous outros grupos para conformar un goberno estable aínda que non descarta un goberno en minoría con acordos puntuais. A outro opción sería unha alianza entre os outros catro grupos con representación. O BNG, segunda forza con catro concelleiros, está disposto a sentarse a falar para chegar a un posible acordo que apearía ó PP da alcaldía tras máis de dúas décadas. PSOE e IpdeR amósanse tamén abertos a iniciar contactos con outras formacións, que ata o de agora integraban a oposición, na busca de puntos en común. A peza para completar este crebacabezas semella estar na man de Ciudadanos que, polo momento, non moveu ficha. O seu candidato rexeitou facer valoracións sobre a intención do seu partido que, nos primeiros comicios ós que concorre acadou tres representantes.