Arousa Norte dá un paso máis na súa oferta de turismo accesible

    BARBANZA> Os participantes no Encontro Estatal de Persoas Xordas, que este ano se desenvolve en Galicia, coñeceron nesta xornada a oferta de turismo accesible de Arousa Norte. Ademais de embarcarse nun catamarán pola ría para realizar a ruta do mexillón, visitaron os lugares máis emblemáticos da comarca. Persoas maiores xordas de toda España visitan estes días a nosa comunidade, no marco do Encontro Estatal deste colectivo que organiza a Federación Nacional de Persoas Xordas, enmarcado nas viaxes do IMSERSO. Durante esta xornada, o grupo recalou en Arousa Norte atraídos pola oferta de visitas adaptadas que ofrece a mancomunidade. Tras realizar a ruta do mexillón a bordo dun catamarán no que coñeceron o traballo nas bateas, desfrutaron dun xantar no restaurante Chicolino, ó que asisitiu o presidente da Mancomunidade, Xoán Xosé Dieste. Tódalas actividades estiveron coordinadas pola empresa de ocio Golfiño Xestión e acompañadas dun intérprete de signos. Tras experiencias previas con persoas con deficiencia visual e unha anterior visita de persoas xordas, a mancomunidade avanza para seguir facendo máis accesible o turismo na comarca. Algo que puxeron en valor os participantes neste noveno encontro de persoas xordas xa que non é habitual atopar unha oferta adaptada para visitantes con discapacidade.