Nós Pobra abre a porta a posibles pactos co BNG e o PSOE

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/26/posibles_pactos_concello_pobra_2605151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/26/posibles_pactos_concello_pobra_260515.mp4{/flowplayer} POBRA> Analizados os resultados da xornada electoral, as distintas forzas con representación nos concellos nos que non se acadaron maiorías iniciaron os contactos para formar goberno. É o caso da Pobra onde a perda de dous concelleiros por parte do PP abre a porta a un posible goberno de esquerdas. O novo escenario resultante na Pobra tralas eleccións do pasado domingo apuntan a un cambio de goberno. A perda da maioría absoluta apearía ós populares da alcaldía tras dezaseis anos á fronte da corporación municipal. Tomaría o bastón de mando unha coalición de esquerdas liderada por Nós Pobra, a segunda forza do municipio que acadou catro concelleiros. Aínda que de momento non hai nada decidido, a nova formación reuniuse xa en asemblea para abordar a posibilidade de pactos coas outras dúas forzas que acadaron representación: BNG e PSOE. Pola súa banda, os nacionalistas están abertos a conversas para integrar un posible goberno de esquerdas pero prefiren non adiantar acontecementos á espera de que a asemblea se pronuncie. Á espera de que se formalicen as alianzas entre partidos para decidir o futuro goberno, o único que parece estar claro é que os populares non gobernarán en minoría xa que as forzas de esquerdas entenden os resultados electorais como unha clara vontade de cambio por parte da cidadanía.