Arranca na Pobra a segunda edición do FESTEAR

    POBRA> As representacións dentro deste ciclo teatral comezarán mañá venres coas actuacións do grupo junior da escola municipal de teatro e da rianxeira Esther Carrodeguas. Os amantes do teatro terán unha cita na Pobra do Caramiñal a partir de mañá venres co inicio do programa Festear. A iniciativa, que chega este ano á súa segunda edición, ten coma principal finalidade achegar o mundo do teatro ós veciños da localidade, atendendo a todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores. O ciclo prolongarase ata finais de xuño, con representacións a cargo de máis de dez compañías teatrais. A primeira función será mañá venres, a partir das seis da tarde , no auditorio do Lagar, a cargo do grupo junior da escola municipal de teatro que porá en escea a obra ‘Sorrisos’. Ás nove a encargada de subir ó escenario será a actriz rianxeira Esther Carrodeguas que presentará o seu espectáculo ‘Supermarket’. O grupo de Teatro Airiños de Asados, Quico Cadaval, Teatro do Aramio, Nó Teatro ou Leo e Arremecaghoná, entre outras, son tamén algunhas das agrupacións que se achegarán estes días a vila probrense. Á par das representacións desenvolveranse tamén nos centros educativos da localidade, así como no propio instituto, distintos obradoiros e charlas, que terán ó mundo das táboas como eixe central. As funcións terán lugar todas elas no auditorio do Lagar e a entrada será de balde.