Cabío contará nos próximos días con tódolos requisitos da bandeira azul

    POBRA> A praia de Cabío xa loce bandeira azul. O alcalde e a concelleira de turismo procedían esta mañá ó izado do distintivo que tamén ondeará na praia da Illa. En total, os dous areais contarán con oito socorristas fronte ós dezasete do pasado verán. Dende o concello tentarán asumir a contratación de máis persoal para reforzar a seguridade nos areais. A intención do novo executivo pobrense é manter o distintivo de calidade para as praias de Cabío e A Illa durante todo o mandato xa que se trata de dous areais emblemáticos que constitúen un dos principais reclamos turísticos do concello. Sen embargo, o mantemento da bandeira azul obriga ó cumprimento de numerosos requisitos. Na actualidade, aínda falta por dotar a estas praias dalgúns servizos polo que o executivo traballa a reo para a súa implantación inmediata. O alcalde adiantou ademais a intención do concello de sumar máis persoal ós oito socorristas cos que, en principio, contarán estes dous areais.