Maio rexistra 211 desempregados menos en Barbanza e Noia

    BARBANZA/NOIA> Na primeira das comarcas a cifra de parados situase nas 5.174 persoas e na bisbarra de Noia en 2.048. Nos catro municipios que conforman a comarca do Barbanza: Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo o número de desempregados durante o pasado mes de maio descendeu en 182 persoas, en relación ó mes anterior, situándose a cifra total en 5.174. Rianxo con 65 persoas menos e Boiro con 47 son os concellos máis beneficiados por este repunte na creación de emprego. Polo que respecta á comarca de Noia o número total de parados tamén se veu reducido neste mes en 29 persoas, cuns datos totais de desemprego que se sitúan en 2.048 parados. Por sectores, os servizos seguen a ser os máis activos, e no último mes creáronse noventa postos de traballo máis nestas dúas comarcas. Séguenlle por esta orde a construción con 67, a industria con 37 e a agricultura e gandería con 29. A maioría dos sindicatos da zona consideran que se debe realizar unha valoración con prudencia destes resultados. Así o delegado comarcal de CC.OO, Xosé Lamela, sinala que a baixada nos niveis de desemprego se deben a unha certa estacionalidade, e aínda que aparantemente son positivos, boa parte dese emprego creado, segundo el, é temporal e a tempo parcial, e nunhas condicións laborais pésimas cun aumento considerable da precariedade laboral.