Ruíz proporá ós grupos revogar o acordo plenario para asumir a xestión da EDAR

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira proporá ó resto dos grupos a revogación do acordo plenario que rexeitou o convenio con Augas de Galicia para asumir a xestión da EDAR de Couso. Faino despois de que a Xunta lle confirmase que lle cobrará o custo íntegro da depuración a partir do un de febreiro.

A reunión con responsables da Consellería e Augas de Galicia non fixo máis que confirmar o que xa advertira o alcalde no pleno de decembro. O custo da depuración en mans da Xunta sairá máis caro que se o xestionase directamente o concello. As estimacións iniciais apuntan a un custo mensual de cento corenta mil euros que deberán asumir os ribeirenses vía taxa ou mediante o pago doutros impostos.

O alcalde atribúe esta situación á irresponsabilidade dos grupos políticos que votaron en contra do acordo para que o concello asumise a xestión das depuradoras de Couso e Corrubedo así como da rede de colectores. Ó non ser así plantéxanse importantes problemas técnicos posto que ata tres empresas diferentes poderían levar o control do mesmo sistema.  Ademais das complicacións técnicas, Ruíz destaca as negativas consecuencias económicas para o peto dos consumidores que mesmo podería penalizar a algúns contribuíntes dependendo da parroquia na que vivan.

Para intentar reverter esta difícil situación, xa lle plantexou ós grupos do BNG e PSOE a posibilidade de revogar o acordo plenario e aprobar a recepción da EDAR de Couso. Intentará negociar con tódolos grupos pero entende que tanto Partido Barbanza Independente como Suma Ribeira xa manifestaron a súa intención de rexeitar que o concello asuma a xestión integral da depuración.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí