A Plataforma de Corrubedo entrega as súas alegacións ó Plan de Acuicultura da Xunta

    RIBEIRA > Unha representación da Comisión de Propietarios de terreos na zona da Laxe Brava, na parroquia de Corrubedo, afectados polo Plan Sectorial de Acuicultura promovido pola Xunta de Galicia, entregaron na mañá do mércores na Delegación de Pesca en Ribeira máis de 600 alegacións en contra da instalación de piscifactorías nese espazo natural. 

    entregaalegacionspesca_300_290807.jpgXulio Ageitos, voceiro da Comisión de Propietarios dos terreos afectados polo Plan, sinalou que para nada están de acordo coa declaración de proxecto de incidencia supramunicipal e de interese publico que pretende darlle a Consellería de Pesca, ó sinalar que non producirá efectos positivos no ambiente, na paisaxe e no patrimonio da zona, afectándolle a habitats naturais prioritarios e áreas incluídas na Rede Natura 2000. 

    Nas alegacións presentadas esta mañá na Delegación da Consellería de Pesca en Ribeira recollen tamén que o Plan non contribuirá ó desenvolvemento social e económico da zona, entre outras cuestións pola escasa creación de postos de traballo que requiren estas instalacións. Outro dos problemas ós que aluden e que os veciños e visitantes veríanse privados do desfrute dun tramo de costa dun indubidable valor ecolóxico e medioambiental. Os afectados consideran ademais que o dito plan non recoñece tampouco a importante actividade agro-gandeira existente na zona da Laxe-Brava. 

    Por todas estas razóns esgotarán tódalas accións legais posibles para que o Plan para esta zona sexa retirado, estudando a posibilidade tamén de levalo pola vía do contencioso-administrativo.

    Redacción Barbanza