MUROS> Un bateeiro de Vilanova, Luís Piñeiro, de 46 anos, perdía a vida esta mañá mentres recollía mexilla na costa muradá, na zona de Monte Louro.
Foi ó redor das dez e media. Ó parecer foi un golpe de mar o que provocou que se precipitara contra unhas rochas, levando un forte golpe na cabeza.
A pesar dos esforzos do seu irmán por salvalo e doutros compañeiros que se atopaban tamén nese momento traballando na zona, non foi posible, falecendo practicamente no acto.
Salvamento Marítimo de Fisterra desprazou ata o lugar á Salvamar Regulus que se encargou de recoller o corpo do mariñeiro falecido e trasladalo ata o porto de Muros.
Alí, persoal médico certificou o seu falecemento, brindando tamén asistencia ó seu irmán, que presentaba feridas en ambas mans, ó parecer provocadas durante as labores de rescate.
Fontes consultadas por esta redacción aludían á perigosidade da zona na que se produciu o accidente. Un lugar bastante habitual de recollida de mexilla, pero especialmente complicado, e máis en días de mal tempo.
A nova do seu falecemento causou unha gran consternación na súa vila natal, Vilanova, onde era unha persoa moi coñecida.











