Espectacular accidente dun camión na autovía do Barbanza

    BOIRO> Durante varias horas a autovía do Barbanza estivo parcialmente pechada ó tráfico debido a un espectacular accidente dun camión articulado. O suceso producíase a última hora da tarde deste mércores, á altura do concello de Boiro. Un fallo no sistema eléctrico do vehículo, que circulaba en dirección Padrón, parece a causa máis probable do accidente, provocando a súa colisión contra a mediana. Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais de consideración, e o condutor do camión resultou ferido leve, con pequenas mazaduras no seu corpo. Tampouco se veu implicado no accidente ningún outro vehículo. Ata o lugar achegáronse diversos equipos de emerxencia, entre eles membros do equipo municipal de emerxencias de Boiro, e tamén unha patrulla da Garda Civil de Tráfico que estivo regulando a circulación na zona ata a retirada do camión.