BOIRO> A Asociación BarbanTEA organiza en Boiro unhas xornadas formativas para adestradores sobre a atención a deportistas con autismo. Desenvolveranse o 16 e o 18 de setembro con formación teórica no centro social e unha segunda sesión práctica no pavillón de Barraña. O obxectivo é avanzar cara a plena inclusión no ámbito deportivo.
Xa está aberto o prazo para inscribirse nas xornadas DeporTEA que se celebrarán en Boiro os días 16 e 18 deste mes. Trátase dunha formación deportiva dirixida a adestradores nas que monitores especialistas encargaranse de orientalos para traballar con persoas con autismo.
A iniciativa de BarbanTEA conta co apoio de Jealsa que volve apostar polo inclusión e o deporte, unhas das liñas principais do seu Programa de Responsabilidade Social Corporativa WeSea.
Dende o concello de Boiro colaboran na iniciativa cedendo as instalacións do centro social e do pavillón de Barraña que acollerán as sesións teóricas e prácticas. A formación é de balde e habilitaranse unhas 50 prazas para que poidan asistir adestradores de toda a comarca.











