Recuperan no Ézaro a escultura de San Xoán Bautista roubada nunha vivenda da Pobra

A POBRA> A Garda Civil recupera nun monte do Ézaro, no concello de Dumbría, a escultura de San Xoán Bautista que fora roubada hai máis dun ano nunha vivenda da Pobra do Caramiñal.

As imaxes que ven foron gravadas pola propia Garda Civil nas dependencias policiais unha vez recuperada a escultura. Nelas vese a talla en pedra de San Xoán Bautista que fora roubada hai máis dun ano nunha vivenda da rúa san Lázaro na Pobra do Caramiñal. A escultura, datada no século XVII, de estilo barroco, foi atopada nun monte do Ézaro. Estaba agochada entre a maleza nunha bolsa de plástico negro. A figura labrada en pedra pesa ó redor duns 50 quilos. A desaparición da imaxe fora denunciada no seu día polo director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán, ó estar catalogada ademais coma ben protexido pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. A Garda Civil mantén aberta a investigación co fin de identificar a persoa ou persoas que puideran estar detrás do roubo. Nos vindeiros días está previsto que lle sexa entregada ós seus lexítimos propietarios que deberán decidir se a devolven ou non, por motivos de seguridade, ó lugar do que nunca debeu de saír.