A Deputación mellorará varios viais en Noia

NOIA> A Deputación da Coruña encargará o proxecto para a construción dunha senda peonil para mellorar a seguridade vial na estrada DP-5.704, ó seu paso pola parroquia noiesa de Santa Cristina. O organismo provincial tamén reparará o tramo urbano do vial do Manlecón de Cadarso, fronte a praza de abastos, que presenta un avanzado estado de deterioro.

O alcalde noiés, Santiago Freire, valorou moi positivamente o encontro mantido co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Na reunión o rexedor trasladoulle varios proxectos de cara a mellorar a rede de estradas provinciais ó seu paso pola localidade. Unha das súas demandas gardaba relación coa construción dunha senda que garanta a seguridade peonil na estrada provincial DP-5.704 ao seu paso pola parroquia de Santa Cristina.

O rexedor trasladoulle tamén outra demanda, neste caso a reparación do tramo deteriorado da estrada DP-5.710 que está fronte á Praza de Abastos, no Malecón de Cadarso.

Unha vez realizada esta pavimentación, as dúas administracións estudarán a posible cesión deste tramo ó Concello por tratarse dunha estrada de carácter urbano que na súa maior parte xa é de titularidade municipal.