O NOIA CF enfróntase o partido máis importante da tempada

NOIA> San Lázaro será escenario este domingo do partido de volta da eliminatoria de ascenso a Terceira División que disputan Noia e Portonovo. No encontro de ida celebrado en Baltar o resultado foi de empate a dous tantos. O campo noiés de San Lázaro vivirá este próximo domingo un dos encontros máis importantes da tempada e se cadra tamén da historia recente do Noia. O equipo que adestra Joaquín Miguéns recibe ó Portonovo no choque de volta da promoción de ascenso, á que os dous conxuntos chegan despois de rematar terceiros nos seus respectivos grupos de preferente. No partido de ida o resultado final foi de dous a dous. Máxima igualdade. Polo que a eliminatoria preséntase moi interesante. A directiva do club noiés agarda ese día unha presenza masiva de afeccionados na grada. A escasas 48 horas do inicio do encontro, na vila respírase aire de fútbol. En varios espazos do concello, como é o caso do propio balcón da casa consistorial, hai instaladas pancartas de apoio ó club local. Algo que non está a pasar desapercibido para os noieses que desexan unha vitoria do club local e con ela un ascenso de categoría. Aínda así o gañador deste partido deberá agardar tamén a un posible ascenso do Pontevedra ou o Dépor B. No caso de que suba nestes dous, mesmo podería ascender tamén o equipo perdedor desta eliminatoria. para incentivar tamén a presenza de afeccionados en San Lázaro, a directiva do club noiés tamén rebaixou as entradas un 50%, pero hai que presentar un vale desconto en taquilla que se pode recoller en varios establecementos da localidade. O encontro está fixado en San Lázaro o domingo ás seis da tarde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí